Monday 29 de April de 2024

A Xunta celebra o regulamento do mercado único aprobado polo Parlamento Europeo


Supón o remate das tarifas de itinerancia ou roaming en 2017, evitando os sobrecustos pola utilización das redes móbiles no resto dos países da Unión

A Xunta de Galicia valora positivamente a nova normativa aprobada polo Parlamento Europeo, que regula o mercado único do sector das telecomunicacións. Así o sinalou hoxe a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, durante a súa comparecencia na Comisión Comisión 6 ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento de Galicia.

Pereira indicou que a Administración autonómica estima, por unha banda, que a nova normativa supón o remate das tarifas de itinerancia ou roaming en 2017, o que evitará que existan sobrecustos pola utilización das redes móbiles no resto dos países da Unión.

Doutra banda, no que respecta a neutralidade da rede, a directora da Amtega destaca que o novo regulamento permite avanzar cara un trato igualitario de todo o tráfico de Internet e favorece que todos os europeos teñan acceso a servizos en liña sen discriminación.

Neste sentido, apuntou que se garante o dereito dos usuarios a acceder á información e contidos da súa elección, á vez que obriga aos provedores de servizos de acceso a internet a tratar todo o tráfico de maneira equitativa e sen discriminación, restrición ou interferencia, independentemente de quen sexa o emisor e o receptor. Deste xeito, búscase evitar que quede na man dos operadores aplicar bloqueos ou estrangulamentos ao tráfico de datos de determinados servizos ou aplicacións.

Ademais, o regulamento europeo busca mellorar a transparencia para os consumidores obrigando aos operadores a ter que informar aos seus abonados das velocidades de Internet garantidas e as consecuencias do incumprimento das mesmas.

Supervisión estatal
A responsable de departamento autonómico indicou que o regulamento dá competencias aos Estados para vixiar o cumprimento das obrigas dos operadores e para impoñerlles características técnicas, requisitos mínimos de calidade de servizo e outras medidas cando resulte necesario para garantir a protección do acceso á internet aberta.

Mar Pereira lembrou que no caso de España, a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información e a Comisión Nacional dos Mercados de la Competencia son os organismos estatais que velarán para que se cumpran as obrigas que establece o regulamento.

Obxectivos compartidos con Europa
A responsable do departamento tecnolóxico autonómico, subliñou que o Goberno galego defende unha internet neutral, na cal se protexa aos usuarios de posibles prácticas abusivas. Pereira incidiu en que desde a Administración autonómica ve positiva unha regulación que fomente que a rede de redes sexa cada día unha ferramenta máis útil para a nosa cidadanía e empresas e se consolide como unha fonte de negocio e servizos para toda a sociedade.

A Unión Europea manifesta que a adopción destas normas ten como obxectivo contribuír a conseguir os obxectivos da Unión Europea de que todos os cidadáns conten con cobertura de redes de banda larga de alta velocidade no ano 2020, obxectivo que comparte a Xunta de Galicia.